Sunday 05 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes implicará a todos os seus deportistas na loita contra a violencia de xénero


O vindeiro mes arrancará unha nova campaña de sensibilización e concienciación, na que as redes sociais e as TIC xogarán un papel fundamental

 

O CIM da Mancomunidade de Ordes porá en marcha de cara ao vindeiro mes unha nova campaña de sensibilización sobre a violencia de xénero. Así se acordou tras a xuntanza de concelleiros e técnicos de deporte de cada un dos sete municipios que a constitúen (Ordes, Cerceda, Oroso, Mesía, Trazo, Frades, Tordoia) a cal tivo lugar nas dependencias do ente supramunicipal situadas en Ordes.

Baixo o lema ‘Campaña de sensibilización e conciencia sobre a violencia de xénero no ámbito do deporte’, pretende que tanto as persoas físicas como xurídicas da comarca vinculadas a esta actividade asuman un papel activo á hora de transmitir o rexeitamento a esta problemática social. En total hai que falar de arredor de 60 entidades e clubs deportivos, ademais dun amplísimo número de escolas deportivas municipais.

A metodoloxía escollida pasa pola gravación dun vídeo por parte de cada un dos clubs e asociacións deportivas, o deseño de carteis e material publicitario e promocional, banners, así como a gravación de cuñas radiofónicas para as emisoras locais. Todo iso será difundido a través das redes sociais, páxinas web e plataformas dixitais dos concellos e da propia mancomunidade. Con iso perséguese conseguir un fenómeno viral de ampla repercusión co fin de que chegue a un amplo número de persoas, independentemente da súa vinculación coa actividade deportiva. Así, quérese aproveitar todas as vantaxes das novas tecnoloxías da información (TIC) entendidas como unha nova ferramenta para a loita contra a violencia de xénero. A campaña tamén se difundirá noutros espazos como os centros escolares, campos de fútbol ou pavillóns.

Entre os obxectivos específicos marcados polo CIM está o de promover a implicación dos homes en actividades a favor da igualdade e o rexeitamento contra este tipo de violencia, informar e sensibilizar ao persoal directivo dos clubs e entidades deportivas sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, concienciar sobre as desigualdades existentes entre ambos os xéneros nos distintos ámbitos da vida, organizar actividades en torno á conmemoración de días internacionais contra calquera tipo de violencia, divulgar os recursos existentes en materia de violencia de xénero, sensibilizar sobre os efectos que esta problemática ten na sociedade e nas mulleres e menores como principais vítimas e xerar novas campañas que supoñan sinerxías entre as entidades participantes.

Para acadar todos estes puntos tanto a dirección como o persoal técnico do CIM apostan polos “puntos fortes” que supón emprender esta campaña no ámbito deportivo. Entre eles figura o de poder aproveitar as estruturas organizativas xa existentes, achegar a campaña ao medio natural do colectivo destinatario sen obrigalo a abandonar nin o espazo nin a rutina habitual. Tamén destacan a posibilidade de implicar a referentes destacados do deporte, incrementar o impacto social da campaña ao implicar directamente a colectivos aos que non se dirixen habitualmente este tipo de mensaxes, o crecemento do impacto das accións grazas á accesibilidade que achegan as plataformas dixitais e o acceso que teñen para xente de todas as idades. E todo iso sen esquecer os beneficios que esta iniciativa achegará ás entidades que se impliquen, xa que permitirá dar visibilidade ás entidades menos coñecidas, establecer un vínculo co ámbito deportivo da comarca, introducir políticas de igualdade no deporte e establecer sinerxías e aforro de custos.